O cooperativismo volve a estar de portas abertas o próximo venres 6 de xullo!
Unha vez máis, convidámosvos a todas as cooperativas galegas a que, durante a xornada anterior ao Día Internacional do Cooperativismo, vos sumedes a esta campaña que busca dar visibilidade ao voso traballo e a este modelo de economía social.
Trátase dun xesto simbólico que quere reforzar e dar a coñecer o forte tecido do que está formado o cooperativismo galego. Cantas máis sexamos, máis visibilidade conseguiremos nos medios! Por iso é tan importante a vosa adhesión, para que a listaxe sexa ben longa e poidamos dar así unha mostra real do volume de cooperativas que hai en Galicia.
Dende a Secretaría Xeral de Emprego comprometémonos a darlle difusión a esta xornada a través de diversas canles para conseguir poñer en valor o labor que desenvolve o sector cooperativo dentro da economía galega.
Como participar?
É moi sinxelo. Simplemente debedes completar o formulario que aparece nesta páxina indicándonos o nome da vosa cooperativa. Unha vez recibida a vosa mensaxe, pasaredes a formar parte da rede de cooperativas que se suman a esta campaña de promoción do cooperativismo. Despois, só tedes que acoller a quen queira coñecer o voso traballo o día 6 de xullo. Ademais, nesa mesma mensaxe enviarémosvos unhas imaxes para que poidades comunicar a través das vosas redes sociais que o día 6 de xullo o cooperativismo, e vós, estades de portas abertas.
Dúbidas
Se precisades máis información podedes facer as vosas preguntas a través do correo electrónico diadocooperativismo@xunta.gal.